A NATURALIZACIÓN DA UNIDADE NA DIVERSIDADE

El artículo en lengua castellana está en preparación.[1]

Pódese consulta-las notas ó final do texto.

A NATURALIZACIÓN DA UNIDADE NA DIVERSIDADE

Lampedusa, Ceuta, Melilla, Tijuana, Australia… e agora tamén: as fronteiras suízas, onde se desenvolve un apaixonado debate sobre a inmigración de masas que procuran un futuro máis digno na Confederación Helvética. Nun contexto de globalización de mercadorías, negocios, capitais… pero non de dereitos e oportunidades, e onde as barreiras que impiden o ben común universal son (máis que tecnolóxicas), marcadamente ideolóxicas e culturais, o fenómeno migratorio vive novos contextos e desafíos.

Os fluxos migratorios a nivel global provocan a reflexión sobre a necesidade de camiñar dende unha concepción do mundo como multicultural, cara á construción dunha identidade intercultural. E a todo cidadán, como actor social, (ou en boca do filósofo: como “animal político”), compételle participar nesta reflexión, dada a súa capacidade de repercutir nun proceso de cambio de mentalidade ou de transformación das estruturas e modos de organización social.

Para responder aos problemas que xeran os fluxos migratorios, ao longo do tempo e dende as diversas filosofías sociais, foron xurdindo distintos modelos[2]. O modelo de SOCIEDADE MULTICULTURAL propón a xustaposición das desiguais etnias e culturas, evitando ter que asumir como propio ao diferente[3]. Este modelo defende “tolerar preto”, a quen é diferente. Unha das concrecións deste modelo é a asimilación, que presupón a superioridade do que acolle, e obriga ao acollido a ir asimilando, pouco a pouco, costumes, lingua, regras, mentalidade… e a ir conquistando dereitos ata obte-la plena cidadanía. Outra concreción do modelo de sociedade multicultural é a denominada integración, que busca suprimir os trazos diferenciais estendendo os dereitos sociais aos acollidos, e garantindo así a cohesión social. Son dous modos de elaboración dun marco unificador non coactivo, do que, por exemplo, Ontario (Canadá), é un prototipo.[4]

Máis evolucionado é o modelo ou CORRENTE INTERCULTURAL, (que se presenta como máis dinámico e cooperativo), e que propón a construción social a partir do diálogo e o intercambio de valores. Este modelo evita o universalismo homoxeneizador, abstracto e uniformante, segundo o cal o imaxinario colectivo de tódo-los homes sería idéntico; e por outra banda propugna a negación do particularismo, que pretende plantar a cada un no “gueto” das súas raíces.

Segundo a mitoloxía grega, os “autóctonos” eran homes nacidos da terra, (á cal quedaban vinculados e permanecían nela durante toda a súa existencia); Pero na medida na que creceu a necesidade de complementariedade, establecéronse convenios de colaboración entre as diversas “Cidades Estado” que configuraban a Grecia clásica[5], (xa fose para intercambiar bens de consumo ou mercadorías, ou para colaborar na defensa ou protección do territorio…). A filosofía social foi evolucionando cara ao Cosmopolitismo (ou cultura internacionalista), semente da actual Globalización. Ao longo da Historia non faltaron intentos de internacionalización, (ben por medio de conquistas, unións monárquicas, colonizacións, imperios[6], etc.). No medio do actual contexto de Globalización, o pensamento occidental busca a construción dunha nova identidade cultural, (individual e colectiva), que responda á (cada vez máis) global e interdependente realidade actual. Porque a verdadeira traxedia non sería perder a cultura orixinal, (que non é algo inmutable), senón máis ben, non ter ningunha cultura[7].

No medio deste proceso de construcción identitario, algúns movementos socio-políticos centroeuropeos personifican a preocupación polo presunto perigo que supón para as identidades nacionais, a acollida dun excesivo número de emigrantes, ou o que é o mesmo: a incomodidade de ter que entenderse con novas formas de comprensión vital (coas que xa están “a coexistir”), pero coas que teñen o reto (nada doado) de aprender a “convivir”. Pola súa banda, o emigrante precisa (na distancia da súa lembrada terra), subliñar a súa língua, folclore, tradicións… a súa idiosincrasia, como expresión identitaria nun “novo mundo”, (o da emigración), tan xeneroso (en oportunidades), como hostil (en canto a facilidades para a adaptación).

Amba-las dúas preocupacións son prolongación do pensamento dos “autóctonos”, e revelan o temor ao descoñecido (por parte do emigrante), ou o medo (por parte do autóctono), a que o xurdimento da nova identidade cultural que poida xurdir esfiañe as seguridades do que xa é coñecido. Saberse na casa orixina certo sentimento de seguridade, confianza e amparo que diminuirá a sensación de medo por parte do emigrado, exiliado ou refuxiado. Pero, ¿cal é a casa do emigrante… para que, sen deixar de ser emigrante, (e polo tanto en terra allea), se poida sentir como na casa? A resposta pode atoparse nalgún punto da liña imaxinaria que debuxa a tensión xerada entre o “autóctono” e o “cidadán do mundo“. Na procura desta resposta faise axeitado recoñecer uns principios xurídico-morais de carácter universal, (chamada por algúns: ética mundial ou global [pode que herdanza da ética de mínimos]), xa que afirmar apaixonadamente as diferenzas, quizais é soamente un sinal de que non somos tan desiguais. Quizais o proceso de naturalización (das diferenzas) proposto aquí, conquiste a tan dexesada, así como necesaria, unidade na diversidade[8]. Esta naturalizacón pretende ademáis non caer na “uniformización cultural”, á que case por inercia, empuxa a Globalización. Como xa se ten apuntado, o modelo ou corrente intercultural evita o universalismo homoxeneizador, abstracto e uniformante, segundo o cal o imaxinario colectivo de tódo-los homes sería idéntico[9].

A naturalización é polo tanto unha concreción da chamada corrente intercultural. Unha naturalización que non anda tanto á procura da anulación ou perda da propia identidade orixinaria, (tanto do que acolle como do acollido), como de favorecer, (por acumulación de valores), un enriquecemento mutuo. De xeito que o resultante sexa a suma dos mellores valores de cada unha das comunidades: a receptora (ou acutóctona), e os valores achegados polos emigrantes (os estranxeiros, forasteiros…). Esa suma dará como resultado o xurdimento dunha nova identidade, na que a interculturalidade é a meta dun camiño cheo de intercambios e enriquecimientos mutuos. A integración, polo tanto, encontra un novidoso significado, que pasa máis pola suma, que pola renuncia. O obxectivo é acadar unha sociedade na que poidan “sentirse como na casa” todo-los cidadáns.

Neste camiño de intercambios, ou naturalización das diferencias que mistura a unidade e a diversidade, o local e o global, o rexional[10] e o internacional… o humanismo de raíces cristiás propón conxugar dous principios: que “todo ser humano ten dereito a buscar condicións dignas de vida para si mesmo e para os seus ben queridos, mesmo mediante a emigración”; misturado co prinicipio de que “toda nación soberana ten dereito a garantir a seguridade das súas fronteiras e regular o fluxo de inmigrantes”[11]. Dous principios que se presentan tan sinxelos na súa formulación, como de difícil maridaxe. Sobre todo porque polos intereses creados ou ben polos prexuízos, non é raro potenciar un dos dous principios ata o punto de case ignora-lo outro, pechándolle a porta a unha solución xusta e (sobre todo) realista, do reto que plantexan os fluxos migratorios.

¿E papá volverá rico?
– Abonda que venga san, meu fillo.

Cómo pode sentirse o emigrante como na súa casa, mentres habita unha terra estrana. Quizais, e só quizais, construíndo unha casa solidaria[12]. O termo SOLIDARIEDADE, dende o ámbito da construción, refírese á unidade dun todo onde as partes están sólidamente trabadas. Na xurisprudencia significa a esixencia de compartir o destino das persoas implicadas. E amba-las dúas definicións, (algo solidamente construído e as obrigas contraidas mancomunadamente), debuxan o significado de solidariedade como INTERDEPENDENCIA, ou tendencia, entre iguais, a axudarse mutuamente[13]. Esta COMPLEMENTARIEDADE é propia da FRATERNIDADE, que responde ao instinto do ANIMAL SOCIAL que é o ser humano, xa que a felicidade das persoas non depende tanto do benestar material (sempre perecedoiro e insuficiente), como de satisfacer a súa ALTERIDADE. Xa que o ser humano necesita dos outros para crecer e madurar, e deste xeito realizarse plenamente. Posto que a natureza humana consiste en “vivir xuntos”, porque “a soidade é como a fame ou a sede, que revelan un estado de carencia”[14]. Neste sentido, a familia, como micro sociedade, é a escola primaria da solidariedade, na que se aprende o espírito de COLABORACIÓN sen máis interés que a autodoazón e a acollida do outro.

Os actuais brotes de racismo ou xenofobia, sementados por grupos tan extremistas como xeradores de opinión (e ás veces non sen certo poder coercitivo); ou ben os medos que desperta quen é diferente, e que inspiran á regulación de fluxos migratorios baseándose no egoismo e a intolerancia, responden á tentación de pecharse ao outro nunha destrutora espiral de egoismo e de illamento respecto dos semellantes. En contra deste pensamento individualista, hai que afirmar que “todos somos responsables de todos”, e que esta MUTUALIDADE se funda na CONFIANZA, que orixina á súa vez COOPERACIÓN. A solidariedade, non obstante, non debe caer no asistencialismo, (porque veixaría ao indixente e lle impediría [segundo o principio de subsidiariedade] achegar canto poida ao BEN COMÚN), senón que mesmo é un sinal de XUSTIZA, que se impón ademais como deber ético.

Os movementos de indignados, as mareas sociais (de distintas cores), as diversas primaveras… son soamente un sinal actual, global e profético, da necesidade que ten hoxe o mundo de promove-la chamada “igual dignidade humana”, emanada do feito de ser imaxe e semellanza do mesmo Creador. Quizais… e só quizais, a construción da casa global, esixa un renovado compromiso coas necesidades dos emigrantes, que superando o modelo multicultural, peregrine cara á construción da sociedade intercultural, naturalizando a unidade na diversidade coa axuda da solidaridade.

Manuel Rubianes

Máster en Democracia e bo Goberno, pola Facultade de Dereito da Universidade de Salamanca. 


[1] Se publicará próximamente en el WEB: www.misióncatolica.ch / Kloten-Winterthur / En la noria de la emigración…

[2] Para profundizar no tema pódese consultar a VELASCO ARROYO, J.C., Multiculturalismo. Aspectos político, económico y ético, En “El debate sobre el multiculturalismo”, Cuadernos FyS, Sal Terrae, 1999, pp.5-16.

[3] Que non se debe confundir coa “Pluriculturalidade”, (a cal casa mellor co seguinte modelo exposto eiquí).  “A Pluriculturalidade  fai referencia a interación entre culturas, de maneira respetuosa, onde se concibe que ningún grupo cultural esté por riba do outro, e que favorece a integración e a convivencia entre culturas. Nas relacións interculturais establecese unha relación basada no respeto á diversidade e o mutuo enriquecemento. Mais, non é un proceso sen conflictos, pero estes resólvense mediante o respeto, o diálogo, a escoita mutua, a concertación e a sinerxia. É importante aclarar que a interculturalidade non se ocupa soamente da interacción que ocurre, por exemplo, entre un chino y un boliviano, senón tamén da que sucede entre un home y unha muller, un neno e un bello, un rico e un pobre, un marxista e un liberal, etc.” Cf. CARMONA , B. en http://benycarmona.wordpress.com/  [25/4/2014] (Tradución ó galego propia).

[4] “En Ontario coexisten setenta e cinco comunidades con varias decenas de milleiros de membros cada unha; onde ningún grupo é maioritario respecto aos outros, posto que ningún supera o vinte por cento da poboación total; alí as escolas públicas ensinan en setenta linguas diferentes… Trátase dun “mosáico étnico“, onde cada un vive de acordo cos seus valores e tradicións, con tal de que respecte as leis comúns.” Cf. VELASCO ARROYO, J.C., Multiculturalismo. Aspectos… (O.c.), p. 10. (Tradución ó galego propia). Debuxando deste xeito un panorama de coexistencia, máis que de convivencia, baseado nun acordo de mínimos.

[5] Cf. GINER, S., Historia del pensamiento social, Ariel, 2013. Trátase dun formidábel manual de CC SS que fai o retrato da evolución do pensamento socio-político o longo dos séculos.

[6] Faise oportuno senalar que si Grecia subliñou o mito autoctónico; Roma, pola contra, “foi católica antes de ser cristiana”, (entendendo católica no senso etimolóxico de “universal ou xeral”). Xa que se produciron orixináis encontros entre distintos. Concretamente entre os aboríxenes e os Troianos: “gracias á concordia, converteuse nunha civitas […] e do encontro cos Estruscos, Roma nace como urbs e como civitas”. Mostrando deste xeito unha novidosa capacidade para o encontro e a integración. Cf. ZAMAGNI, S., Migrazione e Globalizzazione, en PONTIFICIO CONSIGLIO DELLA PASTORALE PER I MIGRANTI E GLI ITINERANTI, Il macrofenomeno migratorio e la globalizzazione,  Libreria Editrice Vaticana, 2010, p. 19.

[7] O mesmo que a lingua, que como elemento socializador posibilita a intercomunicación, e sen a cal ficaríamos aillados. (Nin que decir ten, que a língua é un dos elementos culturáis a protexer, e ó que non se debería renunciar nen sequera para construir un novo medio de intercomunicación nunha posible neocultura, xurdida ésta do aportado polas diferentes culturas encontradas nun mesmo territorio).

[8] Sobre esta idea pódese estudar a ZAMAGNI, S., Migrazione e …  (O.c.), pp. 7-19.

[9] Cf. VELASCO ARROYO, J.C., Multiculturalismo. Aspectos … (O.c.), p. 12.

[10] Os retos que plantexan  os  procesos, tanto de unificación (como por exemplo o da UE), como o de independización de rexións como Crimea, Escocia, País Vasco, Cataluña, (ou [cada vez máis] por “mimetismo”, a mesma Galicia), ten non poucos lazos de interconexión co asunto das migracións que estamos a desenrolar eiquí. Pero queda para outra ocasión reflectir dende esta mesma perspectiva dualista, (ou de casamento de contrarios [do que somos tan expertos os galegos]), sobre a viabilidade dos modelos de “goberno multinivel”, ou incluso as experiencias do “(neo-)federalismo”, como proposta da xestión (en rede) dun posibel Goberno Cosmopolita, (ou Goberno Global, Mundial, Internacional ou Total…), onde xestionar os retos que xeneran os movementos migratorios, (que son soamente un dos moitos a resolver no novedoso mapa que vai debuxando a actual Globalización).

[12] Neste sentido, (e aínda podendo ser catalogado de inxenuo), compre apuntar que o que separa o “ideal” da posibilidade do “real”, é soamente o esforzo por intentalo, coa esperanza de logralo.

[13] Cf. JELENIC, J., La solidarietà chiede un cambiamento radicale di vita, en CIPOLLONE, G., “La geopolitica della solidarietà: dal locale al globale”, Convegno internazionale nella Pontificia Università Gregoriana, Gangemi-editore, Roma, 2011, pp. 87-120.

[14] Cf. CIPOLLONE, G., Prefazione, La geopolitica della solidarietà…. (Oc.), p. 21. (Traducción propia).

 

Categoría: Cursos Kloten/Winterthur

Los comentarios están cerrados